Riscos Xeolóxicos: danos que pode causar a natureza

Comisarios

María Isabel Fraga Vila

Miguel Llorente Isidro

Colaboracións

Xan Guerra Bouzas, Marta Vázquez Rodríguez, Daniel Castro Fernández, Juan Miguel Barros Dios, Escenoset, Axeitos

 

O Museo de Historia Natural da USC, en colaboración coa Unidad Territorial de Galicia del Instituto Geológico y Minero de España, presenta esta exposición, a primeira que se fai en España desta temática, cunha finalidade didáctica e de concienciación da sociedade sobre riscos que existen onde vivimos, para que, con coñecemento, poidamos tomar medidas de prevención e mitigación de danos.

Esta exposición mostra como non todo o que procede da natureza é beneficioso para o ser humano. Concretamente en Galicia estamos expostos a perigos naturais como inundacións, desprendementos e corrementos de pedras e terras, terremotos e acumulación de gases canceríxenos no interior de edificios, como o radon.

Causas e consecuencias de desastres naturais, relacionados coas características xeolóxicas galegas, son representadas en formas de maquetas, paneis e elementos interactivos. Nas maquetas represéntanse de forma realista paisaxes antes e despois de terremotos, inundacións e movementos de ladeiras, con explicacións rigorosas dos aspectos xeolóxicos causantes dos fenómenos que se mostran na superficie.

Os visitantes poderán coñecer a importancia de adoptar medidas de prevención na construción de edificios, tanto nas estruturas dos mesmos fronte a terremotos, como no illamento e ventilación fronte a gases procedentes das rochas e solos, e a súa localización fóra das zonas con riscos de inundacións e movementos de ladeiras.

Exposición temporal - Galería fotográfica

Inauguración da exposición temporal - Galería fotográfica