Día Mundial da Construción Sustentable - Museo de Historia Natural da USC

A obra foi elixida pola súa perfecta integración no entorno, así como o perfecto uso que se realiza da madeira.

César Portela, Premio Nacional de Arquitectura e autor da obra, apostou pola madeira neste edificio, representativo da cidade, polos seus valores renovables.

 museo

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) homenaxea ao Museo de Historia Natural da USC, obra do Premio Nacional de Arquitectura César Portela, con motivo do Día Mundial da Construción Sustentable que se celebra o sábado 23 de setembro.

O CMD escolleu esta obra pola súa integración perfecta co entorno no que se sitúa e pola súa aposta decidida pola madeira. Toda a pel exterior do edificio é de madeira, o que facilita esa integración na paisaxe arborada do parque e aporta ao edificio un significado de lixeireza e transitoriedade, tal e como indica o seu autor, quen contou co asesoramento técnico do CIS Madeira para a execución da obra. Esa sensación que ofrece o Museo acentúase coa solución do contacto do edificio co terreo, levemente separado do mesmo, coma se flotase no céspede do parque.

Coincidindo con esta celebración, o CMD quere destacar as características que fan que a madeira sexa a grande aliada na loita contra o cambio climático. Un maior uso dos produtos de madeira estimula a expansión dos montes e a redución dos gases do efecto invernadoiro.

O uso da madeira na construción permite aforrar enerxía ao longo da vida útil do edificio, xa que a súa estrutura celular proporciona un illamento térmico excelente: 15 veces mellor co formigón, 400 veces mellor co aceiro e 1.770 veces mellor co aluminio.

Un metro cúbico usado en substitución doutros materiais reduce as emisións de CO2 en 1,1 toneladas, polo que cada metro cúbico de madeira aforra un total de 2 toneladas de CO2.

As emisións de CO2 xeradas pola construción dunha casa de formigón e aceiro permitirían a construción da mesma casa en madeira e quentala 27 anos.

Ademais, o 15% da madeira procedente de edificios e demolicións poderíase volver a usar como madeira de serradoiro e un 36% podería reciclarse en taboleiros e outro porcentaxe podería xerar enerxía limpa.

Coincidindo con esta efeméride, o CMD lembra que un medio ambiente sustentable só será posible coa base dunha economía sustentable. Deste modo, fai un chamamento a todos os axentes implicados a traballar con responsabilidade para poñer en valor e uso os nosos recursos forestais, sendo esta a maneira de que a sociedade vexa beneficios por manter o monte san e produtivo.