Día Mundial da Árbore 2016

redes_arbore

 

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia do Concello de Santiago de Compostela e o Museo de Historia Natural da USC, con motivo do Día Mundial da Árbore 2016, organizaron roteiros guiados gratuítos en parques de Santiago, o 21 de marzo de 2016 para o público en xeral e do 28 de marzo ao 1 de abril de 2016 para centros de ensino coa finalidade de acadar os seguintes obxectivos:

  • Poñer en valor as árbores como habitantes da cidade, a través das funcións que desenvolven na mesma: ecolóxica, social, educativa, histórica, cultural...
  • Dar a coñecer unha parte importante da biodiversidade dos parques de Santiago de Compostela, o que representa unha oportunidade para a sensibilización, concienciación e busca dunha mellora nas actitudes e comportamentos respecto da mesma, na xente nova.

Os parques seleccionados para os roteiros son a Alameda, como parque de lecer máis emblemático da cidade; o Parque de Vista Alegre (Finca Simeón), como exemplo do que foron os xardíns e hortos froiteiros dunha finca privada, transformada nun parque público, e o Parque Eugenio Granell (O Paxonal), que conserva fragmentos de bosque caducifolio e de ribeira autóctonos.

Os lugares de quedada dos parques son:

  • Na Alameda, o antigo quiosco de revistas, pechado, frente As Marías.
  • No Parque de Vista Alegre, a porta do Museo de Historia Natural.
  • No Parque Eugenio Granell, a cafetería que está no parque.

 

Público Xeral - 21 de marzo

Roteiros guiados simultáneos  nos que participou xente de calquera idade, desde nenos ata adultos.

Participación: máis de 100 persoas

Quendas: 10h, 12h e 16.30h

Duración aproximada: unha hora e media

En cada roteiro o guía informou sobre as funcións máis salientables dos parques na cidade: ambientais, sanitarias, sociais, históricas e culturais. Fíxose entrega dun plano do parque a cada participante no que se destacaron as árbores máis interesantes do mesmo.

 

Centros de ensino - do 28 de marzo ao 1 de abril

Roteiros guiados simultáneos nos que participaron centros de ensino.

Participación: superior ás 700 persoas

Quendas: en cada parque houbo dúas quendas, a primeira ás 10h e a segunda ás 12h

Duración aproximada: unha hora e media

Contidos segundo as idades dos participantes:

  • De 4 a 8 anos: "Celebra o Día da Árbore con Paco, o Carballo"
    O conto de "Paco, o Carballo" foi o fío conductor nesta actividade na que os alumnos coñeceron a vida desta árbore, as súas partes (raíces, tronco, follas...) e finalmente saíron á procura de outras "amigas árbores" (a Señora Maceira, o Señor Castiñeiro...).
  • De 8 a 14 anos: "Os segredos das nosas árbores"
    Xogo de pistas ao redor das árbores do parque. Os alumnos dividíronse en grupos aos que se lles entregou un iPad cunha aplicación dun xogo de pistas, e tiveron que resolver unha serie de quebracabezas e adiviñas sobre as árbores (morfoloxía, nomenclatura, usos, historia...) coas que ir avanzando a través do parque e achegarse a algúns dos exemplares arbóreos de maior interese.
  • De 14 anos en adiante: "Unha árbore, unha vida"
    Igual que os seres humanos, as árbores son organismos únicos e complexos. Os alumnos, divididos en pequenos grupos, prepararon unha ficha detallada dunha árbore en particular. Cada grupo dispuxo dun iPad coas ferramentas precisas para identificar de que especie é a súa árbore, calcular a súa altura, perímetro, morfoloxía, presenza de epífitos, importancia medioambiental, funcion ecolóxica, usos, aproveitamento... Finalmente cada grupo deu a coñecer a súa árbore aos seus compañeiros.

 

Poster (PDF)

Folleto Alameda (PDF)

Folleto Parque Eugenio Granell (PDF)

Folleto Parque Vista Alegre (PDF)

Galería fotográfica 21 de marzo